Oficio de terra e lume

 

Written by  Susana

 

Este post é o resultado dunha charla con Eloi Mancebo, oleiro de Buño, na súa tenda, o 29 de Marzo de 2011. Agradecémoslle a súa colaboración.

Eloi, coma tódolos artesáns, ten un compoñente máxico; nos achega, co seu traballo, unha tradición que se remonta á prehistoria, mantendo viva unha parte significativa da cultura galega. De familia de oleiros, cóntanos coma seu pai viu perigar a permanencia do oficio a mediados do século pasado cando a industria do plástico encheu de tuppers os fogares. Pero entón as mulleres, entre elas a súa mai, que ata o de agora desenvolvían tarefas auxiliares na producción, tomaron a iniciativa de cambia-lo rumbo dos oleiros para mante-la súa pervivencia. Buscaron as rendixas do mercado nos obxetos decorativos e na marca de pezas exclusivas.

Mentres despacha á xente que vai chegando, Eloi fala animadamente da súa profesión e responde con moita paciencia a tódalas nosas curiosidades. Así vai relatando toda a súa sabiduría. Cóntanos que a orixe oleira de Buño remóntase ó prerromano, pois os romanos introduciron o torno baixo e nesta zona se traballa co torno normal (referíndose ó torno alto).“Aquí sempre se compaxinaron as labores do campo coa produción de pezas de barro“. E prosegue contándonos todo o proceso: “a extracción do barro facíase manualmente, con moito traballo. Para atopar a veta de barro había que cavar máis ou menos fondo. Este traballo facíase entre moitos homes, así sacaban a pedra, se estaba moi profundo usaban una polea atada a un cesto para subilo. Moitas veces as mulleres levaban o barro dende a barreira ata o obradoiro, carretando na cabeza. A forma tradicional de traballar o barro é o torno, que era sobre todo cousa de homes, despois se secaban no teito da casa por medio do lume que se facía na lareira, e para saber se a peza estaba seca se achegaba á língua e se pegaba entón xa estaba seca. Despois ven a decoración que se fai co que se decanta da virtude. Cando a peza está en “dureza de coiro” pódese facer debuxando ca sesta pluma da galiña (é importante que sexa a sexta e non a cuarta ou a terceira, xa que recolle mellor o xesto feito pola man), co hisopo ou cana, ferramentas feitas por nós, que xa é decoración incisa. Antes vidrábanse as pezas cunha mestura de chumbo e galena (chamada alcol de folla) que era a frita tradicional, pero se deixou de facer nos anos 70 porque era moi tóxica; esta frita de chumbo escurecía moito o barro. Hoxe usase o “mel” e o “transparente”. E por último a cocer ó forno. Hai que ter coidado de non poñer en contacto as zonas de vidriado para que non queden pegadas ó fundir e saber colocar ben as pezas dentro do forno, normalmente hai unha persoa encargada disto, que é o enfornador. Todo o proceso de cocción ven durando sete horas. Ó finalizar a cocción facíanse patacas “á tilla” no escume do forno. Coma en tódolos rincois de Galicia o derradeiro día de duro traballo celebrábase en comunidade con comida asada nas brasas da coción das pezas, e ese día era unha festa”.
Os oleiros coma Eloi esfórzanse para conservar e difundir este traballo artesanal que ata o século pasado foi o modo de vida de pobos enteiros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

scroll to top