Paseando por Fontao

Written by

Cliquei no google «muíños en Galicia» e nunha das páxinas había un link ao Mosteiro de Carboeiro. De alí á páxina do Concello de Vila de Cruces e de súpeto unha referencia que falaba dunhas minas de volframio. Comecei a ler máis cousas que aparecían online sobre a Segunda Guerra Mundial, os presos da Guerra Civil, o paternalismo empresarial e a idea dunha aldea moderna no medio da Galicia rural. Así que un anaco de Niquelarte foi ata alí, un sábado de paseo.

Ó principio seica foi un pouco accidentado porque, pese a dar coa entrada, na mina hai un cartel precioso de non pasar, e é que o conto é que segue a ser propiedade privada pese ás iniciativas de mercala e convertela nun proxecto de museo mineiro. Despois fomos ó pobo, aí xa hai un plan director e mercouse parte do choio: as casas dos obreiros, o cine, a igrexa e outros edificios. As casa xa rehabilitadas, a igrexa en proceso e o cine á espera. Preocúpanos a espera porque cremos que hai un un conflito entre rehabilitación e conservación.

As imaxes son do cine, onde atopamos a outros cativos rodando unha curtametraxe, e é que o sitio ten o seu encanto. Muros de formigón, tellado de uralita e materiais do momento maltratados polo tempo pero que son parte da súa historia. Tamén o son as cadeiras de madeira, o que queda do sistema de colocación da pantalla e os anacos de tela; pero a xoia atópase ó subir a sala de proxección: unha Ossa, marca que despois pasouse ás motos, alí posta con un niño de paxaro no seu interior e un pouco oxidada esperando un futuro que non teño moi claro cal é.

O plan director di que a sala de cine se ha converter en sala de usos múltiples e a sala do proxector será a zona administrativa. Non sabemos ben cantos funcionarios collen nesa sala se deixamos a señora Ossa. E non sabemos se a sala de usos múltiples, pese ó brillante acabado dos futuros novos materiais, conservará a memoria deste cine dos anos 50.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

scroll to top